Friday 03 de May de 2024

A Xunta salienta o extraordinario valor ambiental, cultural, científico e paisaxístico dos 8 monumentos naturais de Galicia en FITUR


 Son a Costa de Dexo, a Praia das Catedrais, o Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, os Soutos da Retorta e de Rozabales, a Carballa da Rocha, a Serra de Pena Corneira e a Fraga de Catasós

 Ángeles Vázquez aplica que son espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial

 Esta proposta incide no modelo de turismo sostible que promove o Goberno galego e que aposta por compatibilizar un uso racional dos recursos naturais e a súa preservación

A Xunta presentou na Feira Internacional de Turismo os 8 monumentos naturais de Galicia, que, segundo dixo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, teñen un extraordinario valor ambiental, cultural, científico e paisaxístico.

Durante o acto de presentación, no que estivo acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, Ángeles Vázquez incidiu en que estes enclaves son “espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial”.

Logo de subliñar que cada un destes espazos ten as súas propias particularidades e, en conxunto, condensan unha rica visión da Comunidade, a conselleira remarcou que se encontran repartidos polas catro provincias galegas.

Nas catro provincias
Así, no concello coruñés de Oleiros, está a Costa de Dexo, un dos espazos naturais mellor conservados da Costa Ártabra “cunhas vistas envexables e unhas praias fantásticas”, dixo Ángeles Vázquez.

Tamén é un magnífico areal a Praia das Catedrais, no concello de Ribadeo, un dos monumentos naturais máis coñecidos e visitados de Galicia. De feito, en Semana Santa e en tempada estival é necesaria unha autorización de acceso gratuíta para garantir que o número de visitantes diarios é compatible coa súa preservación.

A maiores, na comarca lucense da Mariña localízase o Souto da Retorta (Viveiro), que é un bosque de 600 eucaliptos plantados entre 1880 e 1912. Na actualidade, son exemplares singulares de grandes dimensións, destacando o coñecido como O Avó, probablemente o máis alto de España e un dos de maior envergadura de Europa.

No Concello de Quiroga, dentro da Zona de Especial Conservación de Ancares-Courel, encóntrase o Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, unha formación singular de gran valor científico que se presupón o punto de unión das dúas masas continentais que deron lugar á formación de Galicia

No que atinxe á provincia de Ourense, a conselleira detallou as características do Souto de Rozabales -unha formación de castaños con séculos de historia no Concello de Manzaneda-, e da Carballa da Rocha –un carballo de 500 anos, dos máis altos da Península Ibérica, que se localiza en Rairiz da Veiga-.

Ademais, nos concellos ourensanos de Carballeda de Avia, Avión e Leiro encóntrase a Serra de Pena Corneira, un xigante rochoso de granito de 675 metros, cunha marcada parte vertical de 10 metros de alto.

Na provincia de Pontevedra, atópase a Fraga de Catasós (Lalín), na que se localizan impoñentes castiñeiros e carballos de ata 300 anos que se consideran os mellores exemplares centenarios europeos.

Turismo sostible
Logo de aseverar que “estes monumentos son un perfecto exemplo da Galicia verde, da riqueza das nosas paisaxes e dos nosos tesouros xeolóxicos, biolóxicos e culturais”, Ángeles Vázquez afirmou que esta proposta incide no modelo de turismo sostible que promove a Xunta e que aposta por compatibilizar un uso racional dos nosos recursos naturais coa súa preservación.

Nesa liña, de cara a garantir unha perfecta conservación do noso patrimonio natural, o Goberno galego destinará 11,2 millóns de euros para a conservación dos nosos espazos protexidos e dos nosos hábitats.